Game-CiTIUS é un proxecto innovador que explora as capacidades da intelixencia artificial mediante o aprendizaxe a través de xogos. Esta iniciativa demostra como as máquinas poden aprender e mellorar as súas habilidades de xeito autónomo, simulando procesos de aprendizaxe similares aos da propia evolución das especies.
O proxecto busca achegar ao público xeral os conceptos fundamentais da IA de forma didáctica e interactiva, concienciando sobre impacto enerxético e facendo uso de exemplos prácticos que facilitan a comprensión desta tecnoloxía que está transformando o noso mundo.
Desenvolvido no CiTIUS dende cero, facendo uso de impresión 3D e software libre, Game-CiTIUS é unha ferramenta educativa para mellorar o aprendizaxe da intelixencia artificial, concretamente dos algoritmos xenéticos.
Descubre como se creou Game-CiTIUS dende cero: dende a impresión 3D da carcasa ata a programación final
A carcasa de Game-CiTIUS foi deseñada e fabricada mediante impresión 3D, permitindo crear unha estrutura personalizada e optimizada para albergar todos os compoñentes electrónicos. Este proceso de fabricación dixital permite iterar rapidamente sobre o deseño e adaptar a carcasa ás necesidades específicas do proxecto.
O circuíto impreso foi deseñado utilizando KiCad, unha ferramenta de código aberto profesional para o deseño de PCBs. Este software permitiunos crear un deseño preciso que integra todos os compoñentes electrónicos necesarios para o funcionamento do sistema, optimizando o espazo e as conexións entre os diferentes módulos.
O sistema está construído ao redor dunha Raspberry Pi Pico 2, un microcontrolador potente e eficiente. Ademais, intégrase un módulo WiFi para conectividade inalámbrica e unha pantalla de baixo consumo que permite visualizar o xogo mentres se mantén unha excelente autonomía enerxética. Esta combinación de compoñentes garante un rendemento óptimo minimizando o consumo.
Para executar o xogo nun dispositivo con recursos limitados como a Raspberry Pi Pico 2, desenvolvemos un motor de videoxogos personalizado optimizado para traballar có mínimo número de recursos de memoria e procesamento. Este motor implementa o algoritmo xenético e xestiona eficientemente a renderización gráfica, permitindo unha experiencia fluída incluso en hardware de baixo consumo.
O equipo detrás de Game-CiTIUS, traballando para achegar a intelixencia artificial ás novas xeracións
Investigador Predoutoral
Graduado en Enxeñaría Informática pola USC e estudante de doutoramento en Tecnoloxías da Información dende 2022. A súa investigación céntrase na aplicación de técnicas de aprendizaxe automática a imaxes de ecografía fetal, coa Bolsa Predoutoral da Xunta de Galicia.
Investigador Predoutoral
Graduado en Enxeñaría Informática e Máster en Computación de Altas Prestacións pola USC. Realiza o seu doutoramento en computación cuántica distribuída e as súas aplicacións. Apaixonado pola divulgación científica, imparte charlas en colexios e eventos como Pint of Science.
Investigador Predoutoral
Graduado en Enxeñaría Informática e Máster en Deseño e Tecnoloxía de Videoxogos en Suecia. Dende 2023 desenvolve o seu doutoramento en Computación de Altas Prestacións no CiTIUS. Creador de Blitter, app Android con máis de 10.000 descargas.
Descubre como Game-CiTIUS chegou a diferentes institutos, institucións e centros educativos